A illa dos arroaces
azuis e ...
Un libro que me
impresionase cando tiña a vosa idade... Xa está, xa o teño: cando
tiña catorce ou quince anos lembro a conmoción que me causou ler
Réquiem por un campesino español de Ramón J. Sender
e o apaixonamento pola obra do autor que se iniciou daquela e que xa
nunca me abandonou. Pero... dous anos antes ficara absorta na lectura
de Memorias dun neno labrego de
Xosé
Neira Vilas, a primeira novela que lin en galego, e dende entón
volvo unha e outra vez a reler a historia de Balbino, cuxo comezo
quedou gravado no meu cerebro: “Eu son Balbino. Un rapaz de aldea.
Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre.” Aos quince anos tamén
me cativaron Crónica de una muerte anunciada
de García
Márquez e Merlín e familia
de Álvaro
Cunqueiro... Como elixir? O asunto empezaba a ser difícil.
Andaba
dándolle voltas á cabeza, pensando en que libro escoller cando
atopei un parágrafo revelador no último libro de Agustín Fernández
Paz, O rastro que deixamos.
Conta Agustín: “Durante estes cursos, eu daba clases en Mugardos e
promovía de xeito moi activo a lectura entre o meu alumnado, unha
práctica que tamén me obrigaba a min a ler e seleccionar os bos
libros infantís e xuvenís que se publicaban naqueles anos. A través
dos comentarios dalgunhas nenas, fíxoseme máis evidente o que xa
sabía: os libros que tivesen rapazas ou mulleres como protagonistas
case se podían contar cos dedos dunha man; e o panorama aínda era
máis ermo se se trataba de buscar un libro de aventuras (con
algunhas excepcións, como a magnífica A illa dos arroaces
azuis, de Scott O'Dell). Visto
desde hoxe pode parecernos insólito, mais daquela non había outra
cousa que lles ofrecer.”
E,
coma por arte de maxia, lembrei os momentos felices do verán dos
meus doce anos lendo esta novela de Scott O'Dell, baseada en feitos
reais, na súa versión en castelán. Unha novela na que se
narra coma a tranquila vida dos indíxenas que habitan “A illa dos
arroaces azuis” se ve interrompida, alá polo ano 1835, por mor
dunha incursión de cazadores de lontras. Un tempo despois o xefe do
clan decide abandonar a illa e cando os habitantes desta están a
bordo do barco que os levará lonxe, Karana, a protagonista,
decátase de que o seu irmán Ramo quedara só en terra e decide
regresar. Ramo, atacado por unha manda de cans, salvaxes, falece e
Karana ten que enfrontar unha vida en soidade durante moitos anos.
A
historia desta “Robinson Crusoe” feminina, da súa tenacidade e
valentía, do seu amor á natureza e do seu espírito de superación
conmoveume profundamente cando tiña a idade dos membros do meu grupo
do club de lectura. Ademais, dáse a coincidencia de que no noso
grupo estamos lendo unha novela protagonizada por unha rapaza e
escrita por Agustín Fernández Paz: Trece
anos de Branca.
Así
que, xa só me queda darlle as grazas a Agustín polo seu último
libro (e por todos) que me trouxo á memoria os felices días do
verán dos meus doce anos cando lía a novela pola que ao final me
decidín. Unha novela que comezaba así: “Recuerdo el día que vino
el barco aleutiano a nuestra isla. Al principio parecía una concha
cualquiera flotando sobre el mar”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario