O Gran Reino, acadou o premio Jules Verne de literatura xuvenil, na última convocatoria.
Dicía o autor «Cando me comunicaron o fallo foi como unha liberación, a
confirmación de que
O Gran Reino é unha historia que paga a pena ser
publicada, merecente ademais dun premio no que máis da metade do xurado está
composto por mozas de menos de dezaoito anos.»
«Escribín O Gran Reino como unha reacción ao gran “boom” das novelas
xuvenís de mundos paralelos dos primeiros anos deste século XXI. A idea deuma a
miña filla Raquel, unha auténtica fonte de inspiración para min, que tamén
estaba farta de ler sempre a mesma historia con distintos personaxes.
Ocorréuseme que había un certo paralelismo co que acontecera a finais do século
XVI coas novelas de cabalerías. E se daquela un famoso escritor colleu a pluma
para novelar maxistralmente aquel sen sentido, por que non ía poder facer eu
algo semellante, salvando as distancias, no século XXI? O Gran Reino é
unha ficción na que se narran acontecementos reais, durísimos, mesturados con
fantasías marabillosas, que farían as delicias de autores como Lewis Carrol.»
Agora, xa publicada, é o momento de que os lectores e lectoras entren
nese Gran Reino, que naveguen na autoestrada das diferentes dimensións,
que paseen a súa imaxinación polos diferentes reinos ou polos
psiquiátricos e nos digan as súas impresións. E sen esquecer as
matemáticas, que van aparecendo detrás das portas ou os enigmas. Ollo!
Un reino que pode ou non ter relación con aquel ao que se refería Celso
Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra e que aparece recollido no
dintel da obra:
"¿Cando
cando se perdeu,
iste gran Reino?"