lunes, 14 de enero de 2013

Cando tiñamos a vosa idade: Charo e a Illa dos arroaces azuis

A illa dos arroaces azuis e ...
Un libro que me impresionase cando tiña a vosa idade... Xa está, xa o teño: cando tiña catorce ou quince anos lembro a conmoción que me causou ler Réquiem por un campesino español de Ramón J. Sender e o apaixonamento pola obra do autor que se iniciou daquela e que xa nunca me abandonou. Pero... dous anos antes ficara absorta na lectura de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, a primeira novela que lin en galego, e dende entón volvo unha e outra vez a reler a historia de Balbino, cuxo comezo quedou gravado no meu cerebro: “Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre.” Aos quince anos tamén me cativaron Crónica de una muerte anunciada de García Márquez e Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro... Como elixir? O asunto empezaba a ser difícil.
Andaba dándolle voltas á cabeza, pensando en que libro escoller cando atopei un parágrafo revelador no último libro de Agustín Fernández Paz, O rastro que deixamos. Conta Agustín: “Durante estes cursos, eu daba clases en Mugardos e promovía de xeito moi activo a lectura entre o meu alumnado, unha práctica que tamén me obrigaba a min a ler e seleccionar os bos libros infantís e xuvenís que se publicaban naqueles anos. A través dos comentarios dalgunhas nenas, fíxoseme máis evidente o que xa sabía: os libros que tivesen rapazas ou mulleres como protagonistas case se podían contar cos dedos dunha man; e o panorama aínda era máis ermo se se trataba de buscar un libro de aventuras (con algunhas excepcións, como a magnífica A illa dos arroaces azuis, de Scott O'Dell). Visto desde hoxe pode parecernos insólito, mais daquela non había outra cousa que lles ofrecer.”
E, coma por arte de maxia, lembrei os momentos felices do verán dos meus doce anos lendo esta novela de Scott O'Dell, baseada en feitos reais, na súa versión en castelán. Unha novela na que se narra coma a tranquila vida dos indíxenas que habitan “A illa dos arroaces azuis” se ve interrompida, alá polo ano 1835, por mor dunha incursión de cazadores de lontras. Un tempo despois o xefe do clan decide abandonar a illa e cando os habitantes desta están a bordo do barco que os levará lonxe, Karana, a protagonista, decátase de que o seu irmán Ramo quedara só en terra e decide regresar. Ramo, atacado por unha manda de cans, salvaxes, falece e Karana ten que enfrontar unha vida en soidade durante moitos anos.
A historia desta “Robinson Crusoe” feminina, da súa tenacidade e valentía, do seu amor á natureza e do seu espírito de superación conmoveume profundamente cando tiña a idade dos membros do meu grupo do club de lectura. Ademais, dáse a coincidencia de que no noso grupo estamos lendo unha novela protagonizada por unha rapaza e escrita por Agustín Fernández Paz: Trece anos de Branca.
Así que, xa só me queda darlle as grazas a Agustín polo seu último libro (e por todos) que me trouxo á memoria os felices días do verán dos meus doce anos cando lía a novela pola que ao final me decidín. Unha novela que comezaba así: “Recuerdo el día que vino el barco aleutiano a nuestra isla. Al principio parecía una concha cualquiera flotando sobre el mar”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario